O Concello de Santiago busca acadar un modelo máis sustentable e eficiente de distribución de mercadorías coa posta en marcha da plataforma loxística

O Concello de Santiago busca acadar un modelo máis sustentable e eficiente de distribución de mercadorías coa posta en marcha da plataforma loxística

Do 29 de outubro de 2025 ao 31 de decembro de 2025

O Concello de Santiago busca acadar un modelo máis sustentable e eficiente de distribución de mercadorías, e con el un novo modelo de cidade, mudando o sistema de distribución da cidade histórica coa creación dunha plataforma loxística centralizada no polígono do Tambre.

Esta nova plataforma de distribución de mercadorías é un proxecto pioneiro da loxística de última milla, con especial incidencia na distribución de produtos alimentarios, aspirando a servir de modelo para outras mercadorías, para outros centros históricos e para o resto de zonas urbanas.

Resolver una situación que vén de atrás

A situación da distribución de mercadorías na cidade histórica de Santiago de Compostela é, na actualidade, unha das principais preocupacións das administracións, da veciñanza e das empresas da cidade.

Isto débese especialmente ao seu impacto na calidade do aire, á ocupación das vías públicas, ao perigo que supón nunha zona peonil ateigada de peóns en determinadas épocas do ano, ao horario de distribución limitado e aos danos ao patrimonio arquitectónico dunha cidade Patrimonio da Humanidade.

Para o Concello de Santiago, a mellor forma de resolver esta situación a medio e longo prazo é a creación dunha plataforma loxística de distribución nas aforas da cidade, ben conectada por vías de alta capacidade e próxima á zona de entrega final, onde as empresas de transporte poidan depositar os seus envíos na cidade histórica, que se consolidarán no centro e se entregarán en vehículos de cero emisións.

Con esta nova plataforma de distribución de mercadorías que operará na cidade histórica, o Concello quere reducir o número de vehículos de transporte que acceden á zona, reducir as emisións contaminantes, reducir o impacto do tráfico sobre o patrimonio monumental e, como consecuencia final, liberar o espazo peonil para a cidadanía.

O proxecto da Plataforma loxística de distribución de mercadorías na cidade histórica de Santiago de Compostela forma parte da implantación da Zona de Baixas Emisións (ZBE) e está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) mediante o Fondo Europeo de Recuperación Next Generation EU.

Proceso aberto e participativo

Dende o momento do nacemento desta iniciativa, o Concello de Santiago sempre tivo presente que era necesario coñecer a opinión e as necesidades dos sectores implicados, polo que iniciou un proceso participativo para definir o funcionamento e xestión da plataforma loxística.

Para iso, nos primeiros meses do 2025 realizáronse preto de 400 enquisas a bares, restaurantes, comercios e supermercados e realizáronse unha serie de talleres informativos con empresas de distribución.

Posteriormente, o Concello mantivo mesas de traballo presenciais con membros dos sectores implicados e interesados no desenvolvemento da futura plataforma e do seu uso, como con asociacións de Horeca (sector que reúne aos hoteis, restaurantes e cafeterías da cidade), do ocio nocturno, do comercio, do reparto e da propia veciñanza, dentro das accións de participación e de sensibilización social que está levando a cabo para a presentación da posta en marcha da plataforma loxística.

Neses encontros, o Concello de Santiago presentou a todas as persoas asistentes todo o traballo desenvolvido ata o momento sobre o proxecto, as vantaxes da súa implantación para o desenvolvemento sostible da cidade e o establecemento de prioridades para a posta en marcha da plataforma loxística.

Dende o primeiro momento a representación das asociacións implicadas amosou a súa predisposición a colaborar coa Administración local para axudarlles a crear o mellor modelo de organización da futura plataforma loxística.

A liña de diálogo entre o Concello e os sectores implicados mantense aberta e nese proceso de participación as asociacións de hostalaría, comercio e alimentación da cidade histórica, distribuidores e repartidores seguen a trasladar as súas opinións e inquedanzas co obxectivo de contar con todos no deseño dun modelo de cidade sustentable, accesible e habitable.

  1. O Concello de Santiago busca acadar un modelo máis sustentable e eficiente de distribución de mercadorías coa posta en marcha da plataforma loxística
  2. PROGRAMA AKADEMIA

    PROGRAMA AKADEMIA

    Do 12 de setembro de 2025 ao 31 de xaneiro de 2026

  3. CAMPUS FORMATIVO IBEROBIO

    CAMPUS FORMATIVO IBEROBIO

    Do 26 de xuño de 2025 ao 31 de decembro de 2025

  4. Carta da alcaldesa.

    Carta da alcaldesa.

    Do 13 de marzo de 2025 ao 30 de abril de 2025

  5. Plataforma Loxística de distribución de mercancías

    Plataforma Loxística de distribución de mercancías

    Do 12 de marzo de 2025 ao 30 de abril de 2025

CONTACTO

Localización

UNINOVA

Edificio Cersia Empresa

Rúa do Alcalde Raimundo López Pol
15707 Santiago de Compostela, A Coruña - SPAIN

+34 981 542 494