Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago participarán no IX Encontro Transfronteirizo das Redes de Información Europea de Galicia e Norte de Portugal
17 de abril de 2023
Europe Direct A Coruña e a Associaçao Empresarial de Portugal (AEP) organizan un novo Encontro transfronteirizo, que contará coa participación das principais Redes de Información Europea operativas en Galicia e o Norte de Portugal, e que se celebrará o mércores 19 de abril na cidade portuguesa de Leça da Palmeira.
O principal obxectivo do Encontro é o de dar a coñecer e reforzar o intercambio de experiencias, boas prácticas e a actividade conxunta das redes de información europea de Galicia e Norte de Portugal, así como explorar oportunidades de colaboración entre as redes de Galicia e Norte de Portugal en 2023 e 2024.
A xornada iniciarase coa presentación de boas prácticas realizadas ao longo do pasado ano, para logo compartir historias de éxito e compartir propostas de colaboración para os próximos anos.
O evento contará coa participación de centros e enlaces de información europea existentes tanto en Galicia como no Norte de Portugal, como son, no que respecta a Galicia, Europe Direct, Erasmus for Young Entrepreneurs (xestionado por Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago), Eurodesk, Centros de Documentación Europea da UdC e da USC, Enterprise Europe Network, Erasmus+ Programas Europeos, Rede EURES e EURES Transfronteirizo.
Uninova
Impulsada polo Concello de Santiago de Compostela e a USC, Uninova (Sociedade para a promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, M.P., S.L.) ofrece asesoramento, aceleración e soporte á creación de iniciativas empresariais innovadoras.
A súa finalidade é a de fomentar, facilitar, promocionar e impulsar toda clase de actuacións xeradoras de ocupación e de actividade económica na área de Compostela para contribuír á consolidación no municipio a dun tecido económico xerador de emprego, riqueza e innovación.